Mensaje
por Random User » Lunes 19 de Agosto de 2024, 10:35
A lectura de que o Deportivo xogou mellor paréceme lícita e creo que hai argumentos moi válidos para defendela. O problema que lle vexo é que non conduce a ningures, máis alá dese terreo perigoso no que podes confundir a necesidade de manter a calma con acabar sendo demasiado compracente.
O que eu penso, pasados os días, é que xogaron o cuarto mellor equipo de Segunda do ano pasado contra o mellor de Terceira. Xa sei que hai moitos matices é que os saltos entre categorías son distintos, pero imaxinade que xogan Atlético de Madrid contra Leganés, ou Nástic contra Ourense. Creo que a ninguén lle estrañaría demasiado que, sendo locais, Leganés e Ourense fosen atrevidos e tiveran as súas ocasións pero os detalles decantaran a cousa para Atlético e Nástic. 0-1 e para casa, ou con algo de sorte, 1-1 como lle pasou onte ao Madrid en Mallorca.
O Deportivo é un club especial en moitas cousas, pero como equipo de fútbol é o mesmo que o resto e está suxeito ás mesmas condicións. Podemos darlle voltas e máis voltas, pero a realidade obxectiva é que polo de agora somos un recén ascendido sen reforzos de moito nivel. E si, temos un xogador veterano que chegou de Primeira, temos un par de rapaces con potencial para quizais apuntar a esa categoría... pero de momento non creo que iso compense as carencias como para crer que somos máis que un recén ascendido. Un equipo de zona baixa na categoría.
O primeiro que lle pasa aos equipos de zona baixa é que non teñen solidez e contundencia. Non empezan no extremo de ser unha verbena en defensa, o primeiro problema polo xeral é que conceden unha ou dúas ou tres moi groseiras en cada partido; e cando o rival está máis feito, pois é contundente e castiga. E ao contrario, un equipo de zona baixa non comeza no extremo de non xerar ocasións, o primeiro que lle ocorre é que falta contundencia para transformalas e/ou que o rival é máis sólido e aguanta sen encaixar. O de tremer en defensa ou ser incapaz de xerar ocasións adoita chegar máis adiante, cando se acumulan as derrotas e as dúbidas pesan. Xa o vimos en temporadas anteriores no barro.
Hai que estar tranquilos pero tamén ser realistas. Algúns dos nosos poderían ser os Molina, Valerón ou Makaay dos que falades, bos xogadores en equipos de zona baixa, con capacidade para rendir en equipos mellores. Pero se repasades os que xogaron e os que non o sábado, temos moitas pezas que si son moi xustiñas para a categoría, como corresponde. Queda por ver se Soriano nos sorprende e fai tres ou catro fichaxes con condicións para transformar o equipo noutra cousa, pero é que eu penso que tamén el, como Idiakez, van xustos para Segunda. Vai estar complicado.
Asumindo que o que veña non mellore con moito o que hai, o que máis me preocupa a min é que esteamos perdendo o tempo en buscar a cuadratura do círculo para xuntar a cinco arriba. A min a verdade é que non me importa un carallo se xuntamos a tres, catro ou ningún. Que xoguen os que teñen que xogar, o problema urxente témolo máis atrás. Porque Germán non nos vai dar moitos puntos, non sei se Helton Leite si; porque a maior parte dos laterais e centrais deixan dúbidas; porque na media xogámonos moito en que Mfulu resulte mellor que Jurado. O que eu quero non é xuntar a Barbero, Lucas, Mella, Yeremay e Mario; o que eu quero é que me digan como imos facer para deixar portería a cero en 15 partidos con Germán, Martínez, Petxa e Jurado. Porque por aí comezarán a vir os puntos.