Página 1 de 1

Xornada 24. RCD Fabril - CD Numancia

Publicado: Sábado 21 de Febrero de 2026, 21:27
por Fisterrán
Un Fabril "agora nunha boa dinámica" no Arsenio Iglesias mide as súas forzas cun CD Numancia "chamado a estar nos postos de cabeza"

Imagen

O Fabril recibe ao CD Numancia de Soria este domingo 22 de febreiro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias, en partido correspondente á 24ª xornada en Segunda Federación.

Os fabrilistas chegan ao encontro con 46 puntos no coliderato da categoría empatados co Oviedo Vetusta.

Manuel Pablo vaticina que un conxunto soriano que "vai vir a tentar sacar os 3 puntos porque é un equipo chamado a estar nos postos de cabeza".

Recalca que no campo Arsenio Iglesias "estamos agora nunha boa dinámica de resultados pero está a custarnos igualmente. Dominamos moitas situacións pero está a faltarnos acerto en zonas de chegada".

O técnico fabrilista poderá contar con Bil e Noé, que se adestran diariamente co primeiro equipo.

A este respecto, asegura que "estamos afeitos a que estean en dinámica do primeiro equipo. Até final de temporada van estar nesta dinámica. Condiciónache pouco porque sabemos o que insistimos día a día, semana após semana".

Ademais esta semana, o defensor Samu Fernández estivo concentrado coa selección española sub-19 para dous amigables ante Noruega en Benidorm.

"Condiciónanos o cansazo que poida ter Samu de xogar o xoves", admitiu o preparador do Fabril.

Pola súa banda, o CD Numancia de Soria, que a pasada fin de semana derrotou por 2-1 á UD Ourense, é 7º na táboa con 36 puntos.

No partido da primeira volta celebrado en Los Pajaritos o pasado 14 de decembro de 2025 venceron os branquiazuis con goles de Domínguez e Bil.

O CD Numancia esta temporada, lonxe do seu estadio, gañou ao Marino de Luanco (1-2), Burgos CF Promesas (0-1) e UD Ourense (0-3); empatou co CD Lealtad de Villaviciosa (1-1), Real Ávila CF (0-0), Rayo Cantabria (0-0), Gimnástica Segoviana CF (0-0) e Salamanca CF UDS (1-1); e perdeu co Bergantiños CF (3-1), SD Sarriana (4-2) e Atlético Astorga FC (1-0).

O seu técnico Ángel Rodríguez manifestou que "nos imos a enfrontar a un rival completo e se damos a mellor versión estaremos capacitados para gañar".

Definiu ao Fabril como "un equipo atrevido e divertido, con xogadores que en ocasións xogan en Segunda División, polo que posúen un un ritmo moi alto, superior ao desta categoría".

O Club activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias para o partido.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.